Thursday 02 de May de 2024

Víctor González Horta e Tina Fernández gañan a V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra


O lousamiá Fernando Pérez “Dete” e Inés Papín reinaron nunha modalidade 5k que este ano rexistrou poucos participantes

Os atletas Víctor González Horta (Comesaña) e Tina Fernández (Club Atletismo Sar Vermú Petroni), na modalidade 10K, e Fernando Pérez Fernández “Dete” (Senbal Team) e Inés Papin Estévez (Club Atletismo Sada), na modalidade 5K, foron os gañadores da V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que congregou hoxe domingo a 250 atletas (134 na proba absoluta e 116 nas probas escolares).

As malas previsións meteorolóxicas, que xa fixeran minguar o número de inscrición, botaron para atrás hoxe a 113 persoas. Porén, mentres todo apuntaba a unha mañá de choiva e vento, tanto unha coma o outro non apareceron pola proba e só comezou a chover coincidindo coa chegada á meta da derradeira participante na proba absoluta. Como a entrega de premios xa estaba prevista a cuberto no auditorio da Casa da Cultura, a carreira puido desenvolverse sen incidencia ningunha.

As dúas modalidades da proba absoluta, tanto na modalidade 5k como 10k, caracterizáronse por seren máis lentas ca edición pasada, salvo na categoría feminina, na que todas as premiadas rebaixaron as súas marcas e a atleta muradá Tina Fernández inscribiu o seu nome entre os gañadores por terceiro ano consecutivo.

10k

No que atinxe á proba absoluta, Víctor González Horta inscribiu o seu nome por primeira vez no palmarés lousamiá cun tempo de 34 minutos e 51 segundos en percorrer os 10 quilómetros. José Antonio Gómez Rïos, do Sar Vermú Petroni, conseguiu o segundo posto cun tempo de 35 minutos e 31 segundos. Completou un podio inédito nestas cinco edicións o atleta independente Joaquín Dosil, cun tempo de 36 minutos e 23 segundos.

Exactamente o contrario produciuse na categoría feminina, onde o podio foi exactamente o mesmo que no 2018, se ben as tres atletas melloraron este ano os seus tempo. O triunfo foi por terceiro ano consecutivo para Tina Fernández, cun tempo de 38 minutos e 25 segundos e entrando no posto 14 da xeral. A atleta muradá rebaixou en 27 segundos o seu tempo, o que lle valeu ascender seis postos na xeral

O segundo posto volveu ser para María González Martínez (Orixinal MGM Team), quen cun tempo de 39 minutos e 20 segundos tamén rebaixou en 29 segundos a súa marca do ano pasado, entrando no posto 20 da xeral (dez menos ca en 2018). Volveu completaro o podio Beatriz Barroso Pérez (Tribu Trail) cun tempo de 42 minutos e 14 segundos, cunha rebaixa de máis dun minuto sobre o seu tempo anterior.

5K

Na categoría 5K, que só contou con 20 participantes, o gañador da proba foi Fernando Pérez Fernández (Senbal Team) cun tempo de 17 minutos e 51 segundos. O atleta lousamiá resarcíase así do terceiro posto acadado en 2018, curiosamente cunha marca medio minuto por debaixo da que hoxe lle valeu para entrar en solitario na meta. O segundo posto foi para Carlos Añón Ceán (AD Mediaducia) cun tempo de 18 minutos e 2 segundos. Completou o podio o atleta independente Juan José Tarrrío Cordeiro que, cun tempo de 24 minutos e 52 segundos, chegou no posto sétimo da xeral.

Na proba feminina, o triunfo foi para Inés Papin Estévez (Club Atletismo Sada) cun tempo de 20 minutos e 14 segundos, un minuto menos ca gañadora da pasada edición e que entrou no terceiro posto da xeral. A madriña da proba, Pilar Barreiro Senra (Club Atletismo Sada), revalidou o seu segundo posto cun tempo de 22 minutos e 11 segundos, rebaixando en 14 segundos a súa anterior marca e chegando no cuarto posto da xeral. Completou o podio Olga Pose Chouciño (Ponteriders) cun tempo de 23 minutos e 37 segundos.

O Club Atletismo Noia levou o premio ao equipo con maior número de participantes (de feito arrasou nas probas infantís) e os premios aos mellores atletas locais foron para Fernando Pérez “Dete” e Pilar Barreiro Senra.

Entrega de premios

Por segundo ano consecutivo, a metoroloxía obrigou a trasladar a entrega de premios ao auditorio da Casa da Cultura, no canto de diante da casa consistorial. Uns premios que foron entregados polo concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez; a concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Medio Rural, Ramón Figueroa; e a madriña da proba, Pilar Barreiro. Jesús Martínez lamentou as malas previsións afectaran ao número de participantes, convidou aos presentes a asistiren aos Trails e Andaina a prol de ASPOGH que se organizarán o 28 e 29 de decembro e agradeceu o traballo de todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento da proba: técnicos municipais, voluntarios, Cruz Vermella Noia, e Protección Civil e aos clubs que colaboran: Club Atletismo Lousame, Club Deporte Lousame e o Club BTT O Treito.

Todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, froita e rosca, cortesía dos patrocinadores da proba: Plus Ultra Seguros, Autos Patiño e Gadis. Tamén houbo trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías establecidas (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta.

A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra estivo organizada polo Concello de Lousame en colaboración conProtección Civil de Lousame, o voluntariado de Lousame, Cruz Vermella Noia, Gadis, Autos Patiño Noia, Rótulos Ageitos, Correr en Galicia, Xunta de Galicia e Deputación Provincial da Coruña